O proxecto “Sensores CO₂ maker para avaliar a ventilación de espazos” céntrase no deseño e creación de dispositivos de fabricación propia capaces de medir a concentración de CO₂ e, a partir desa medida indirecta, estimar o nivel de ventilación dun lugar compartido e o risco asociado á acumulación de aire exhalado.
O traballo combina unha breve base teórica e técnica coa posta en práctica usando Arduino/ESP-8266, para aprender a integrar sensores, obter lecturas reais e interpretalas de forma útil para mellorar a ventilación.
Ademais, reflexiona sobre o sentido e o valor da autofabricación fronte a produtos comerciais, co obxectivo de adquirir coñecementos suficientes para poder desenvolver despois un dispositivo propio con máis autonomía.
A dinámica realízase en grupos debido a que hai poucos sensores dispoñibles, e os prototipos resultantes quedan no espazo para o seu uso continuado e para aumentar a seguridade.
Como requisito cómpre dispoñer de ordenador propio e, aínda que non é imprescindible, son valiosas habilidades como programación (por bloques ou textual), deseño 3D, recollida de datos remotos (HTTP, MQTT), deseño/creación artística ou coñecementos legais.