Ano 2019

mClon: robótica educativa libre, accesible e lista para a aula

mClon é un robot educativo de baixo custo, inspirado no mBot, pensado para poder programarse con mBlock do mesmo xeito que un mBot e, ao mesmo tempo, manter a flexibilidade de estar baseado en Arduino para traballar tamén co IDE de Arduino. Isto convérteo nunha ferramenta moi versátil para distintos niveis educativos, especialmente útil en ESO e Bacharelato, e cun enfoque claro: aprender non só programación, senón tamén mecánica, electrónica, deseño e integración de compoñentes.

Nace porque en aulas con máis de 25 alumnos hai poucos robots, os comerciais son caros e adoitan centrarse só na programación. Co mClon búscase ter máis robots por parellas e aprender tamén mecánica, electrónica e deseño.

A filosofía do proxecto é a do hardware e software libre: calquera persoa ou centro pode montar o seu propio mClon, adaptalo ás súas necesidades e ampliar funcionalidades engadindo sensores e actuadores. O obxectivo é facilitar que haxa máis robots dispoñibles por grupo e reducir tempos de espera nas probas, ao tempo que se incrementa o valor educativo ao construílo desde cero (peza impresa, montaxe e conexións), fomentando unha aprendizaxe máis completa e práctica. 

Ao ser compatible co fluxo de mBot, as prácticas e programas poden empregarse en ambos, facilitando a docencia. O proxecto segue aberto para melloras en deseños 3D, sensores e actuadores. 

Tamén incorporamos ao proxecto unha serie de prácticas e retos para poder traballar na aula. Ademais, construíndo o mClon desde cero, que inclúe o deseño e impresión de pezas e o conexionado electrónico, fai que o valor educativo e a aprendizaxe sexa moito maior que co mBot comercial, pois trabállase tanto o software como o hardware.

Na web de https://tecnoloxia.org/mclon/ se recolle a documentación para entender como funciona un robot e os seus compoñentes (controlador, sensores e actuadores), guías de montaxe e opcións de electrónica e alimentación, así como itinerarios de programación tanto con mBlock como co IDE de Arduino. Se fixeches unha adaptación, unha mellora ou un “clon do clon”, tamén é o lugar indicado para compartila e facer medrar a comunidade con novas variantes e retos didácticos.

Compartir