Publicado o Mércores 25 de Novembro de 2026

5ª Convocatoria de Proxectos A Industriosa

En consonancia cos obxectivos fundamentais da Asociación Tecnolóxica A Industriosa —impulsar proxectos innovadores con forte compoñente tecnolóxica, favorecer unha comunidade activa e diversa, apoiar o desenvolvemento de iniciativas relacionadas coa tecnoloxía e crear espazos onde compartir, aprender e medrar xuntos— abrimos a 5ª Convocatoria de Proxectos de A Industriosa.

Con esta nova edición buscamos, ademais de promover a investigación, a creatividade e o traballo colaborativo entre persoas interesadas nas novas tecnoloxías e na creación de proxectos por puro afán de aprendizaxe, impulsar e financiar ideas que xurdan do interese da nosa Comunidade.

Para tal fin, a Asociación destina unha partida económica de 3.000 €, destinados á adquisición de materiais, dispositivos ou recursos necesarios para o desenvolvemento dos proxectos seleccionados.

Os proxectos deberán ser de índole tecnolóxica e han de ser Open Source e Open Hardware.

Os equipos deberán estar formados por un mínimo de 3 persoas, onde pode haber 1 non socio ou 2 non socios se son menores de idade.

Un mesmo socio pode presentar varios proxectos e/ou ser parte de todos os equipos que desexe.

A contía económica máxima que A Industriosa aportará a cada equipo será de 500 €, pero o proxecto pode ter un orzamento superior se conta cun plan realista para acadar o resto do montante necesario para a súa execución (patrocinador, aportación individual, etc.).

Para facilitar a formación de equipos e o intercambio de ideas, o sábado 28 de novembro de 2026 ás 12:00 faremos no local unha xuntanza aberta (opcional) na que calquera poderá contar brevemente a súa idea e as súas necesidades, e así atopar compañeiros de equipo ou solucións para o proxecto.

O prazo de presentación de proxectos finalizará o 11 de decembro de 2026, no enderezo info@aindustriosa.org, empregando a folla de solicitude que se achega nesta páxina.

O proceso de selección comezará mediante a celebración no local da Asociación dun acto de presentación dos proxectos participantes no que cada un dos interesados disporá de 10 minutos para expoñer e defender a súa idea. Para facilitar a comprensión do proxecto, os equipos deberán axudarse de diapositivas, imaxes, vídeos ou calquera elemento que consideren.

A data para a celebración do acto de presentación será o sábado 12 de decembro de 2026. Ese mesmo día presentaranse tamén os proxectos realizados durante a 4ª convocatoria no ano 2026.

A partir da celebración do acto de presentación, abrirase un período de votación online que rematará o 31 de decembro de 2026, no que poderán participar as socias e socios que así o desexen.

A partida orzamentaria repartirase entre os proxectos seleccionados por orde decrecente da puntuación acadada na votación, e tendo en conta o orzamento adxunto a cada proxecto, ata esgotar o total da contía.

O portal de socios da Asociación será a ferramenta de desenvolvemento e de seguimento dos proxectos: nel cada equipo rexistrará os fitos, as tarefas, o material e a documentación, e dende el publicarase a evolución do proxecto.

Os equipos serán os encargados de facilitar á directiva o listado dos materiais, coas características, requisitos, empresa distribuidora ou aquilo que facilite a identificación correcta do que se precisa, para que esta faga a adquisición en nome da Asociación. Os proxectos seleccionados deberán realizarse antes de que remate o ano 2027.

Compartir