O laboratorio tecnolóxico cidadán vigués será un dos centros formativos desta prestixiosa formación internacional de Fabricación Dixital coordinada polo director do Centro de Bits e Átomos do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts.
O Fab Academy está dirixido por Neil Gershenfeld, o director do Centro de Bits e Átomos do MIT (o Instituto Tecnolóxico de Massachussets) e principal impulsor desta forma de “facer ‘case’ calquera cousa” aproveitando a potencia da computación e as máquinas controladas por computador, como poden ser as impresoras 3D, as fresadoras CNC (de Control Numérico Computerizado), as cortadoras láser e as de vinilo.
Á que se suman nocións de electrónica e de aprendizaxe dos controladores robóticos tipo Arduino ou Raspberry Pi coas que controlar as súas creacións para destinalas a labores determinados que liquiden calquera problema, ou quizais para unha instalación artística ou controlar a distancia certo tipo de instalacións dentro do que se chama da internet das Cousas.
Con este tipo de máquinas os alumnos do Fab Academy poden prototipar “practicamente calquera invento” e chegar a construír as súas propias máquinas ou dispositivos, xa que o principal motivo do curso é que aprendan a levar a cabo un proxecto e documentar o proceso de realización do mesmo. Conséguese o diploma final do curso, duns seis meses de duración, se se termina o traballo que o alumno presentou.
A formación é perfecta para enxeñeiros de todo tipo, deseñadores de produto e arquitectos, aínda que calquera afeccionado a estas tecnoloxías emerxentes pode matricularse, e realízase en inglés, e é necesario certos coñecementos de electrónica e, sobre todo, estar presente nas clases presenciais por videoconferencias dos mércores, que consisten en presentacións do que leva feito durante o curso; aínda que tamén se pode cursar en remoto.
O Fab Academy ofrece unha formación de altísimo nivel que só se pode obter en España en Barcelona, León, Vigo ou Cartaxena nun sector cunha fortísimas posibilidades emerxentes, xa que é o núcleo do que vén a chamar Industria 4.0. O alumno comprenderá os fundamentos da fabricación dixital, a que se realiza convertendo os bits en átomos, é dicir: a que converte os deseños parametrizados de computador en realidade. Unha forma de fabricar as cousas que será unha das máis valoradas no futuro.
Para matricularse no Fab Academy, é necesario contactar coa Industriosa enviando un correo electrónico á dirección directiva@aindustriosa.org. Para máis informarción do que é esta formación de alta calidade internacional, e os coñecementos que se poden recibir, pódese facer na súa propia web Fabacademy.org