Temos moitas ganas de que coñezades o novo local da Industriosa (Avda. Gregorio Espino 38, entresollado 3), e para iso, que mellor maneira cunha charla a cargo dunha das empresas mais importantes a nivel mundial de desenvolvemento de software libre, a empresa galega Igalia.

Nesta charla impartida por Alejandro Piñeiro de Igalia, darase unha introdución a Mesa, librería open-source para o desenvolvemento de drivers gráficos. Explicarase a súa historia, os seus compoñentes máis importantes, que utilidades proporcionan aos desenvolvedores e unha lista de hardware ás que dan soporte. Finalmente explicarase o caso concreto do soporte proporcionado para as GPUs dos dispositivos da serie Raspberry Pi, centrándonos nas Raspberry Pi 4 e Raspberry Pi 5

Igalia é unha empresa galega, con sede na Coruña, especializada en servizos de consultoría, e que desenvolve solucións innovadoras de código aberto para un gran conxunto de plataformas de software e hardware. En Igalia traballan nas áreas máis interesantes do software de código aberto, incluídos navegadores, gráficos e multimedia.

Igalia desenvolveu os controladores OpenGL ES 3.1 e Vulkan 1.2 conformes para a GPU VideoCore VII Broadcom que se fornece coa nova Raspberry Pi 5.

Alejandro Piñeiro é enxeñeiro de Software e socio en Igalia, é desenvolvedor de Software Libre desde 2004. A súa experiencia inclúe unha variedade de proxectos de GNOME e freedesktop.org, enfocándose desde 2015 en Mesa, especificamente os drivers Intel e Broadcom. É un dos responsables do desenvolvemento do controlador Broadcom Vulkan para Raspberry Pi 4 & 5.

E ademais, aproveitando a inauguración do novo local falarémosvos das novidades na nosa asociación, a 2ª Convocatoria de Proxectos A Industriosa, para fomentar a creatividade e a colaboración entre entusiastas das novas tecnoloxías usando software e hardware opensource durante ao ano 2024.

Ademais A Industriosa será nodo de Fab Academy 2024, un programa de formación en Fabricación Dixital impartido por Neil Gershenfeld, director do MIT’s Center For Bits and Atoms, que por primeira vez poderase realizar en Vigo. Tedes toda a información en fabacademy.

Para participar debes de realizar a túa inscrición gratuita en meetup.

Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).