En sintonía cos obxectivos principais da “Asociación tecnolóxica A Industriosa”: impulsar proxectos innovadores cunha forte compoñente tecnolóxica; fomentar o crecemento dunha comunidade activa e vibrante de persoas motivadas e altamente cualificadas; axudar ó desenvolvemento de proxectos relacionados coa tecnoloxía; e favorecer a oportunidade de crear, compartir e medrar aos membros da Comunidade, ábrese a 2ª Convocatoria de Proxectos de A Industriosa.
Ademais de fomentar a creatividade e a colaboración entre entusiastas das novas tecnoloxías ou xente que lle gusta realizar proxectos polo simple feito de aprender algo novo, preténdese incentivar e destinar fondos propios ó desenvolvemento de ideas ou proxectos do interese da Comunidade que conforma A Industriosa.
Para iso, a Asociación destinará unha partida económica cunha contía de 1.200 € para a adquisición de materiais ou dispositivos, necesarios para desenvolver os proxectos seleccionados.
Os proxectos deberán ser de índole tecnolóxica e han de ser Open Source e Open Hardware.
Os equipos deberán estar formados por un mínimo de 3 persoas, onde pode haber 1 non socio ou 2 non socios se son menores de idade.
Un mesmo socio pode presentar varios proxectos e/ou ser parte de todos os equipos que desexe.
A contía económica máxima que A Industriosa aportará a cada equipo será de 300 €, pero o proxecto pode ter un orzamento superior se conta cun plan realista para acadar o resto do montante necesario para a súa execución (patrocinador, aportación individual, etc.)
O prazo de presentación de proxectos finalizará o 30 de novembro de 2023.
O proceso de selección comezará mediante a celebración no local da Asociación dun acto de presentación dos proxectos participantes no que cada un dos interesados disporá de 10 minutos para expoñer e defender a súa idea. Para facilitar a comprensión do proxecto, os equipos deberán axudarse de diapositivas, imaxes, vídeos, ou calquera elemento que consideren.
A data para a celebración do acto de presentación será o día 2 de decembro de 2023.
A partir da celebración do acto de presentación, abrirase un período de votación online de 2 semanas que rematará o 15 de decembro de 2023, no que poderá participar as socias e socios que así o desexen.
A partida orzamentaria repartirase entre os proxectos seleccionados por orde decrecente da puntuación acada na votación, e tendo en conta o orzamento adxunto a cada proxecto ata esgotar o total da contía.
Os equipos serán os encargados de facilitar á directiva o listado dos materiais, coas características, requisitos, empresa distribuidora ou aquilo que facilite a identificación correcta do que se precisa, para que esta faga a adquisición en nome da Asociación.
Descarga as Bases da 2ª Convocatoria de Proxectos A Industriosa
Descarga a Folla de Solicitude
Esta actividade está parcialmente subvencionada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao abeiro do programa de subvencións publicada no DOG Núm. 157 o luns 21 de agosto de 2023.