A idea de facer unhas camisetas de A Industriosa sempre estivo no aire.

Xa non era a primeira vez que íamos a algún evento (estou pensando na OSHWDEM), e que a envexa nos corroía ó ver os compañeiros doutros grupos coas súas camisetas, todos igualiños :D.

Unhas veces porque non nos decidíamos co deseño. Outras, porque ninguén collía o mando, ou porque lle dábamos preferencia a centrarnos noutro tipo de proxectos. E así, ía pasando o tempo sen facelas.

Cando xa por fin estabamos a piques de encargalas, a pandemia paralizouno todo.

Mais, despois de varios anos aguantando a gaña de facelas, por fin temos camisetas!

A nosa socia Sabela animouse a organizar o tema. Fixo o deseño, elexíu as cores, e contactou co fabricante para sacar unha primeira remesa para socios.

Realmente podíamos contactar con calquera empresa de serigrafía que nos fixese un bo prezo, pero decantámonos por apoiar á empresa local e a un proxecto na liña da nosa Asociación, Freewear.org.

FreeWear.org leva colaborando dende 2006 con distintas organizacións FOSS (Free and Open Source Software), a través da súa tenda web na que por cada venta, donan unha parte á asociación u organización á que pertencen os produtos. E tamén participando en eventos organizados por ditas Asociacións.

En principio, as nosas camisetas non van estar dispoñibles na súa web. Mais como estamos convencidos de que ó velas vai haber máis xente interesada en facerse con unha, imos realizar máis pedidos. Polo que se alguén quere encargar algunha, que fale connosco.