Unha rede sen fíos compartida para o Internet das Cousas na ría de Vigo
Vigo xa forma parte dunha rede sen fíos colaborativa que permite o envío e a recepción de datos cun longo alcance e baixo consumo de enerxía. A tecnoloxía LoRa está pensada para aplicacións do Internet das Cousas (IoT) e acada unha cobertura de máis de 20 quilómetros. A asociación tecnolóxica A Industriosa vén de instalar na súa sede e no Monte Alba as dúas primeiras antenas públicas LoRaWAN, doadas polo centro Gradiant, e a cobertura acadada é “moi satisfactoria”; de feito, xa se estableceron enlaces a 21 quilómetros máis alá das Cíes.
“As principais ventaxas desta tecnoloxía son que non hai que pagar por usuario e que o consumo de enerxía é moi pouco. Calquera persoa ou empresa pode sacarlle partido. Só ten que instalar o seu punto de acceso. Esperamos que as compañías empecen a verlle o potencial”, expresa Xabi Crespo, cofundador de A Industriosa.
Neste sentido, Gradiant cedeulles, ademais dos dous gateways xa operativos, o material necesario para impartir un obradoiro e para que os socios acheguen ideas de uso.
A agricultura é un dos ámbitos nos que xa se están a aplicar estas redes para o control de grandes superficies de cultivo. «En Galicia poderíase utilizar esta tecnoloxía nas bateas para medir distintos parámetros mediante sensores. Todos estes dispositivos comunicaríanse cun único concentrador, en lugar de ter un en cada batea, para transmitir a información. E sería posible cargalo cun panel solar. É algo que temos ganas de probar», expón.
O Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC (IIM) e o Cetmar xa ofreceron espazo para instalar un gateway nas súas sedes. E o IIM está interesado, ademais, en empregar esta tecnoloxía en boias para a monitorización das correntes mariñas.
O maker vigués Tomás Rodríguez tamén está a estudar a posibilidade de aplicar esta rede ás tarefas de salvamento marítimo e xa comprobou estes días a súa cobertura na ría, superando mesmo o arquipélago das Cíes.
A tecnoloxía LoRa utiliza un espectro de banda non suxeito a licenzas e foise estendendo desde Francia, onde xurdiu, ao resto de Europa. Sobre todo en países como Holanda, con cobertura total, ou Alemaña, onde conta co apoio das administracións polo seu interese tanto para as aplicacións do Internet das Cousas como para as cidades intelixentes.
Rede promovida desde Holanda
Grazas a Gradiant e a A Industriosa, Vigo xa forma parte da rede colaborativa que promove a empresa holandesa The Things Network e que nestes momentos conta con preto de 18.000 puntos de conexión en máis de 150 países.
Calquera persoa ou empresa pode beneficiarse da conectividade a internet que ofrece a rede naquelas zonas nas que o resto da comunidade dá soporte. Só é preciso dispoñer dun gateway, unha especie de router dun tamaño aproximado ao dun móbil e cun custo que pode rondar os 20 euros.
Desde A Industriosa explican que estes días teñen previsto comprobar a cobertura da rede cara ao sur e animan a máis colaboradores a instalar gateways noutras localizacións da cidade e da área metropolitana para ampliar a cobertura e converter Vigo «nunha cidade pioneira en Galicia e España na adopción deste tipo de tecnoloxías».
Aínda que a pandemia supuxo a paralización de todas as actividades presenciais en A Industriosa, os socios apostaron por manter vivo o proxecto coas súas achegas económicas e confían en ir retomando o uso deste laboratorio tecnolóxico cidadán a medida que se vaian suavizando as restricións sanitarias.
Compartir