O próximo 26 de abril, de 19:00h a 21:30h, GalPon - Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra organiza na Industriosa unha charla da man de Julio Herrero sobre software libre para radioafeccionados.

Dende os seus inicios, a radioafección estivo relacionada coa investigación técnica no campo das radiotelecomunicacións por parte dos afeccionados a esta tecnoloxía. A medida que a tecnoloxía de radio se dixitalizou, fíxose posible enviar e recibir comunicacións por radio entre ordenadores conectados tanto a Internet como transceptores. A dixitalización tamén permitiu o desenvolvemento da radio definida por software (SDR), que permite o tratamento (modulación, demodulación, filtrado, decodificación…) dos sinais de radio captados por unha antena. Neste obradoiro veremos diferentes softwares libres empregados polos radioafeccionados para facilitar o exercicio desta afección.

Programa:
• Introdución e obxectivos.
• Evolución da radioafección, dos modos dixitais e do WSJTX.
• O libro de garda e moito máis: CQRLOG.
• A QSL dixital: LoTW (TrustedQSL) e eQSL.
• Radio definida por software (SDR). GQRX.
• Outros programas libres.

Para participar debes de realizar a túa inscrición gratuita en mobilizon.

Esta actividade está organizada por GalPon e patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).