Sábado 27 de Setembro de 2025

Presentación de proxectos do Fab Academy 2025 en A Industriosa

Este 2025 tivemos a sorte de contar con tres investigadores da Universidade da Coruña, vinculados á Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC), que estiveron a cursar o Fab Academy no noso Fab Lab.

O Fab Academy é un programa internacional da rede de Fab Labs, coordinado por Neil Gershenfeld do MIT, no que cada ano máis de 250 persoas en todo o mundo aprenden a traballar con fabricación dixital, prototipado rápido e deseño electrónico e mecánico.

Durante seis meses moi intensos, estes investigadores foron aprendendo semana a semana a través de retos prácticos, ata chegar á meta final: desenvolver un proxecto propio que reúna todas as habilidades adquiridas.

E que veremos na presentación?

Os dous primeiros graduados de A Industriosa no Fab Academy compartirán os seus proxectos finais:

•  The Bending Bench – proxecto final de Pepe Vázquez 

•  Structural Monitoring of a Timber Arch – proxecto final de Francisco Ruz Quiroga

Ademais, coñeceremos o traballo en equipo no deseño e construción da máquina Camera Slide, creada durante a semana 12 (Mechanical design, machine design).

Por último, os investigadores da UDC contarán en primeira persoa como foi esta aventura: os retos semanais, as aprendizaxes, os prototipos que foron nacendo… e todo o que significa vivir a experiencia do Fab Academy.

Máis información e detalles do Fab Academy en: FabAcademy.com.

Compartir