Publicado o Martes 15 de Outubro de 2024

O único laboratorio tecnolóxico cidadán de Galicia (FabLab) ten 60 persoas inscritas

A Industriosa é unha asociación sen ánimo de lucro que se autodefine como «un espazo onde makers, comunidades tecnolóxicas e empresas dispoñen do equipamento necesario para poder levar a cabo os seus proxectos. Un punto de encontro onde aprender, compartir e construír». A súa sede está nun entresol do número 38 da rúa Gregorio Espino. O presidente, Luis Díaz-Faes, explica que a asociación conta con 60 socios e que entre eles hai enxeñeiros, profesorado de tecnoloxía, desenvolvedores e programadores, e técnicos do audiovisual. «Moitos traballan en empresas de Vigo e, ao saír do traballo, veñen aquí pola tarde», explica. Non é o único de Galicia, xa que na Coruña existe outro espazo maker denominado BricoLabs.

A este obradoiro acoden estudantes, pero tamén profesorado ou enxeñeiros que teñen en común que seguen o lema “Faino ti mesmo”. Alí dispoñen de máquinas impresoras 3D e dun ordenador potente cos que facer os seus proxectos persoais sen depender da industria. Pola súa conta non poderían dispoñer deste equipamento, pero en A Industriosa reservan minutos de uso para fabricar os seus propios robots deseñados por eles mesmos e logo presentalos en torneos e campionatos.

Os socios preparan diversos proxectos que lles interesan, como tecnoloxía ocupacional para persoas con diversidade funcional, robots de competición como os sigueliñas, barcos impulsados por enerxía solar, reciclaxe de plásticos con máquinas, ou construír unha impresora 3D.

Díaz-Faes recalca que A Industriosa ten, ademais, a categoría oficial de Laboratorio de Fabricación Dixital (FabLab), o único de Galicia. Os outros máis próximos están no Porto, en Xixón e en León. Trátase dun obradoiro de fabricación dixital de uso persoal, un espazo onde se producen obxectos físicos a escala persoal ou local que agrupa máquinas controladas por ordenadores. A súa particularidade reside no seu tamaño e en que está máis vencellada ás inquedanzas da cidadanía ca ás da industria.

Compartir