Novos proxectos tecnolóxicos de A Industriosa en 2026
A Industriosa continúa durante 2026 impulsando o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos colaborativos, nos que as persoas socias poden experimentar, aprender e desenvolver solucións reais empregando fabricación dixital, electrónica, programación e hardware aberto.
Esta nova edición dá continuidade ao traballo realizado nos últimos anos, consolidando unha metodoloxía baseada na creación de pequenos equipos de traballo que permiten transformar unha idea inicial nun prototipo funcional. Os proxectos serven ademais como punto de encontro entre persoas con diferentes perfís e coñecementos, favorecendo a aprendizaxe compartida e a transferencia de coñecemento dentro da comunidade.
Entre os proxectos que se están desenvolvendo este ano destacan:
- Telecongelo, un sistema de monitorización e control de instalacións de frío que permitirá supervisar o seu funcionamento de maneira local e enviar avisos ante posibles incidencias. O proxecto inclúe o desenvolvemento da electrónica, a fabricación da PCB e o software necesario para a monitorización e as comunicacións.
- RR-CC – Remote Radio Control Car, centrado no desenvolvemento de vehículos de radiocontrol que poden ser operados remotamente a través de Internet. Os prototipos integran cámara, iluminación, electrónica propia e diferentes pezas fabricadas mediante impresión 3D, CNC e outras técnicas de fabricación dixital.
- Fonte de alimentación modular, deseñada para dispoñer dunha plataforma de alimentación flexible para o laboratorio e para futuros proxectos electrónicos. O sistema incorporará diferentes tensións de saída, alimentación USB-C, xestión de baterías, monitorización e a posibilidade de integrar sistemas de carga e alimentación solar.
- CutreDeck para o control da CNC, un pequeno dispositivo programable pensado para facilitar o uso diario da fresadora CNC. Permitirá executar funcións e macros frecuentes directamente desde un controlador dedicado, simplificando operacións habituais durante os procesos de mecanizado.
- Barco Regata Solar + MPPT, no que se continúa evolucionando a electrónica e o software empregados nas embarcacións da Regata Solar. O proxecto inclúe o desenvolvemento dun regulador MPPT propio, co obxectivo de aproveitar de maneira máis eficiente a enerxía xerada polos paneis solares e crear unha plataforma aberta que poida servir como base para novas embarcacións.
- RS232 Sniffer, unha ferramenta destinada á análise e monitorización de comunicacións serie entre equipamentos industriais. Permitirá estudar os datos intercambiados entre distintos dispositivos e facilitar tarefas de diagnóstico, investigación e desenvolvemento de novas solucións de integración.
Estes proxectos permiten traballar de maneira transversal en ámbitos como a electrónica, as comunicacións, a automatización, a fabricación dixital, a eficiencia enerxética ou a programación, pero sobre todo permiten aprender facendo e compartindo coñecemento entre as persoas participantes.
A iniciativa reforza así un dos principais obxectivos de A Industriosa: proporcionar un espazo no que experimentar con tecnoloxías abertas e desenvolver proxectos que dificilmente poderían abordarse de maneira individual, poñendo á disposición da comunidade tanto as instalacións e máquinas do Fab Lab como o coñecemento das persoas que forman parte da asociación.
O proxecto conta co cofinanciamento do Concello de Vigo, dentro da convocatoria de Subvencións para o fomento do emprego mediante proxectos relacionados coa investigación, a innovación e o emprego 2026, contribuíndo a consolidar en Vigo unha comunidade activa arredor da tecnoloxía, a fabricación dixital e a innovación aberta.
Compartir