Publicado o Luns 19 de Xaneiro de 2026

Bootcamp de instrutores de Fab Academy 2026 en Noruega

Do 12 ao 16 de xaneiro de 2026 celebrouse en Noruega o Bootcamp de Instrutores de Fab Academy, un encontro internacional centrado na coordinación do equipo docente e técnico que fai posible este programa global de fabricación dixital. Nesta edición, Luis Díaz-Faes participou en representación de A Industriosa (Vigo), nodo oficial de Fab Academy dende o ano 2024.

O Bootcamp de Instrutores é unha cita intensiva na que responsables de laboratorio e instructores de todo o mundo comparten metodoloxías, revisan dinámicas de avaliación e traballan en melloras prácticas para o desenvolvemento do curso. Ademais de servir como preparación directa para o inicio de Fab Academy 2026, o bootcamp axuda a unificar criterios, resolver cuestións operativas e introducir axustes que faciliten a experiencia tanto do alumnado como dos equipos locais.

A edición 2026 tivo lugar no MIT Fab Lab situado en Solvik Gard (Ørnes, Noruega), nun entorno único pola súa localización ao norte do Círculo Polar Ártico. Durante estes días combináronse sesións de coordinación, talleres técnicos e espazos de traballo colaborativo, cun formato diario baseado en reunións de seguimento e tempo de laboratorio para probar e perfeccionar procesos.

Ao longo do bootcamp tratáronse temas relevantes como actualizacións de fluxo de traballo, técnicas de reflow e encapsulados avanzados, planificación da edición 2026 e melloras no acompañamento ao alumnado. Tamén houbo espazo para propoñer ideas, compartir boas prácticas entre nodos e explorar liñas de evolución para o futuro do programa, mantendo sempre o espírito de aprendizaxe baseada na práctica e na documentación aberta. Os resultados dos workshop está publicados este ligazón.

Dende 2024, o nodo de Vigo traballa para consolidar unha comunidade local de aprendizaxe e prototipado, conectada co ecosistema global de Fab Academy e orientada a impulsar competencias avanzadas en fabricación dixital, electrónica e desenvolvemento de proxectos. Este tipo de encontros permite traer ao nodo aprendizaxes actualizadas, criterios compartidos e novas dinámicas de traballo que melloran a calidade da formación e fortalecen a coordinación cos demais Fab Labs.

O Bootcamp de Instrutores é un dos momentos clave do calendario anual: serve para sincronizar equipos, asegurar a coherencia no seguimento e afinar as ferramentas e metodoloxías que sosteñen o programa. Con esta participación, A Industriosa continúa ampliando a súa implicación dentro da rede e a súa capacidade de acompañar procesos de aprendizaxe avanzados dende Vigo, conectando o talento local cunha comunidade internacional que entende a fabricación dixital como motor de innovación.

Xa está en marcha a edición 2026 do Fab Academy, podes topar toda a información en https://fabacademy.org/2026/

Compartir