A Industriosa participa en FAB26 Boston, o encontro mundial da rede Fab Lab
A Industriosa estivo presente este verán en FAB26 Boston, a 22ª edición da conferencia internacional da rede Fab Lab, celebrada do 27 ao 31 de xullo en Cambridge, Massachusetts, co MIT como un dos seus principais escenarios.
FAB26 reuniu durante cinco días a máis de 1.000 participantes procedentes de 55 países, entre responsables de Fab Labs, makers, investigadores, docentes, estudantes, empresas e profesionais vinculados á fabricación dixital e á innovación.
A edición deste ano tivo ademais un significado especial ao coincidir coa celebración dos 25 anos da rede Fab Lab, que regresaba á área de Boston, onde naceu o movemento arredor do Center for Bits and Atoms do MIT.
A Industriosa participou activamente no programa representando o traballo que desde Vigo vimos desenvolvendo arredor da fabricación dixital, a formación tecnolóxica, o hardware aberto e a creación de comunidade.
Dun makerspace local a un nodo Fab de referencia en Galicia
O luns 27 de xullo presentamos a charla “From Local Makerspace to Regional Fab Node: Lessons from Galicia”, incluída dentro do bloque de Education & Learning do programa oficial de FAB26.
A presentación permitiu explicar a evolución de A Industriosa desde o seu nacemento como comunidade maker en Vigo ata converterse en Fab Lab e nodo de Fab Academy en Galicia, compartindo a experiencia acumulada durante estes anos na organización de actividades abertas, formación, proxectos colaborativos e na relación con universidades, centros educativos, empresas e outras comunidades tecnolóxicas.
Unha das principais mensaxes da charla foi precisamente a importancia da comunidade como punto de partida. As máquinas e a tecnoloxía son fundamentais nun Fab Lab, pero son as persoas, o intercambio de coñecemento e os proxectos compartidos os que permiten construír un ecosistema capaz de crecer e manterse no tempo.
Fabricación de PCB con KiCad e CNC
A participación de A Industriosa continuou o martes 28 cun obradoiro práctico sobre fabricación accesible de electrónica en Fab Labs, desde KiCad ata a fabricación de PCB mediante CNC, celebrado nos espazos de fabricación do edificio E14 do MIT.
Durante dúas horas, os participantes puideron coñecer un fluxo de traballo completo para pasar do deseño electrónico en KiCad á fabricación dunha placa de circuíto impreso mediante fresado CNC.
O obxectivo do obradoiro foi mostrar que é posible fabricar PCB funcionais dunha forma rápida e accesible dentro dun Fab Lab, sen depender necesariamente de procesos químicos nin de servizos externos de fabricación.
Trátase dunha metodoloxía especialmente interesante para a ensinanza, o prototipado electrónico e o desenvolvemento iterativo de proxectos.
Esta liña de traballo forma parte da experiencia que desenvolvemos habitualmente en A Industriosa e que tamén aplicamos en Fab Academy, onde a capacidade de deseñar e fabricar a nosa propia electrónica constitúe unha peza fundamental do proceso de aprendizaxe.
Graduación en Fab Futures
FAB26 tamén tivo unha importante compoñente formativa. O mércores 29 de xullo celebrouse a Academany Graduation, a cerimonia internacional na que se recoñece o traballo realizado polo alumnado dos diferentes programas da rede.
Para A Industriosa foi unha edición especialmente significativa pola finalización dos programas Fab Futures Data Science e Fab Futures Microelectronics, realizados durante os últimos meses.
En Data Science traballouse coa análise e tratamento de datos aplicados a un caso real, mentres que en Microelectronics o percorrido permitiu afondar no proceso completo de deseño de circuítos integrados, desde a descrición e simulación do circuíto ata o fluxo RTL-to-GDS e a súa posterior integración dentro dun sistema electrónico.
Participar nestes programas supón tamén incorporar novo coñecemento que posteriormente podemos trasladar a A Industriosa, aos nosos socios, alumnado e futuras actividades formativas.
Aprender, compartir e traer novas ideas a Vigo
FAB26 permitiu ademais coñecer de primeira man proxectos desenvolvidos en Fab Labs de todo o mundo, participar en obradoiros e grupos de traballo e visitar algunhas das infraestruturas de investigación e fabricación vinculadas ao ecosistema tecnolóxico do MIT e Cambridge.
O programa incluíu actividades relacionadas coa fabricación dixital, electrónica, intelixencia artificial, biomateriais, educación STEAM, fabricación distribuída, Fab City e novos modelos para a evolución dos laboratorios de fabricación.
Tamén se organizaron visitas a instalacións como o Center for Bits and Atoms, MIT.nano, MIT Glass Lab ou o Wright Brothers Wind Tunnel, entre outras.
Para A Industriosa, participar en FAB26 significa continuar conectando Vigo e Galicia coa rede internacional de Fab Labs, compartir o que estamos facendo aquí e, ao mesmo tempo, traer novas experiencias, metodoloxías e colaboracións que poidamos aplicar nos nosos proxectos.
Volvemos de Boston con moitas ideas, novos contactos e, sobre todo, coa confirmación de algo que forma parte da filosofía de A Industriosa desde os seus inicios: aprendemos facendo, pero tamén aprendemos ensinando e compartindo o que facemos cos demais.
FAB26 foi unha magnífica oportunidade para facelo xunto a unha comunidade internacional que, 25 anos despois do nacemento do movemento Fab Lab, continúa imaxinando novas formas de aprender, fabricar e colaborar.
Compartir