O equipo de robots segueliñas de A Industriosa está a organizar uns obradoiros nos que se traballará no desenvolvemento dun firmware para competición na categoría de velocistas da OSHWDem totalmente escrito na linguaxe Rust.

O próximo sábado 23 de marzo terá lugar a segunda sesión dos talleres de segueliñas Rust. Nesta ocasión o obxectivo da actividade será preparar todo o entorno de programación instalando todo o software necesario para o desenvolvemento do firmware en linguaxe Rust. Explicarase tamén o proceso de escribir un novo firmware na memoria do microcontrolador utilizando o programador STLink así como o xeito de cablear todos os elementos necesarios. Por último falarase do traballo que se está a facer na parte da BSC (Board Support Crate), unha libraría que permite simplificar o desenvolvemento do firmware ó proporcionar ferramentas para a configuración dos distintos periféricos utilizados nos robots. Para iso darase unha breve introdución ós exemplos que xa están implementados para o uso de botóns, LEDS e porto serie.

Para este segundo taller é necesario que os asistentes dispoñan dun ordenador portátil con sistema operativo Linux no que poder instalar as ferramentas e comezar a programar en Rust. As placas, programadores e demáis hardware necesario para os talleres serán proporcionados por A Industriosa.

Tanto o deseño da placa que se empregará como un proxecto básico do firmware se poden atopar no Github de A Industriosa:
https://github.com/aindustriosa/RustyBugA-board
https://github.com/aindustriosa/RustyBugA

Esta segunda sesión terá lugar o vindeiro sábado 23 de marzo entre as 11:00 e as 13:00 no local da asociación na rúa Gregorio Espino, 38, entreplanta 3, Sárdoma, 36205 Vigo, Pontevedra.

Para participar debes de realizar a túa inscrición gratuita en meetup.

Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).