A Industriosa participou de novo na OSHWDem, a feira de tecnoloxía aberta celebrada no Museo Domus da Coruña, reafirmando así o seu compromiso coa cultura maker, o hardware libre e a innovación compartida.
A asociación viguesa leva máis de cinco anos participando activamente neste evento de referencia no ámbito do open source hardware e software, que reúne cada ano a centos de entusiastas, comunidades e proxectos tecnolóxicos de toda España.
Nesta edición, A Industriosa presentou varios dos seus proxectos máis recentes e ofreceu a charla “Deseño e fabricación de placas PCB con máquina CNC: de KiCad ao GCode”, impartida por Luis Díaz-Faes. Durante a sesión explicouse o proceso completo de creación de placas electrónicas personalizadas, desde o deseño en KiCad ata a xeración do código G para o fresado en CNC, amosando as vantaxes dun fluxo de traballo totalmente libre e reproducíbel.
Ademais, as persoas asistentes puideron coñecer de preto outros desenvolvementos realizados no laboratorio, intercambiar ideas cos membros da asociación e explorar novas vías de colaboración con comunidades tecnolóxicas de toda Galicia.
A participación continuada de A Industriosa na OSHWDem reflicte a súa vocación por difundir o coñecemento libre, fomentar a experimentación tecnolóxica e fortalecer a rede de colaboración entre espazos de innovación.
Máis información sobre a OSHWDem e as súas actividades en: www.oshwdem.org