A asociación A Industriosa desenvolveu entre agosto de 2024 e xullo de 2025 o proxecto “Proxectos tecnolóxicos de A Industriosa”, unha iniciativa destinada a poñer en valor a fabricación dixital, a reciclaxe e a aplicación de tecnoloxías abertas desde unha perspectiva innovadora e sostible.
O proxecto tivo como finalidade difundir a relevancia da innovación tecnolóxica e da experimentación práctica, implicando directamente ás persoas usuarias da asociación. A través de grupos de traballo colaborativos, creáronse espazos de aprendizaxe común nos que se desenvolveron máquinas, procesos e solucións con impacto real.
Entre os proxectos presentados destacaron:
• A termoformadora CNC, orientada á reutilización de plástico triturado e á creación de novas pezas.
• A sala de traballo da fresadora CNC e as melloras da máquina, que permiten avanzar en procesos de fabricación de maior precisión.
• O sistema de comunicacións subacuáticas, baseado en hardware aberto para a transmisión de datos baixo auga.
• O camera slide motorizado, deseñado para documentar audiovisuais de proxectos e prototipos.
• A trituradora de filamento e plásticos, que facilita a reciclaxe do plástico e a súa transformación en novo material para impresión 3D.
Grazas a este proxecto, A Industriosa consolidou a metodoloxía de traballo en grupo como eixo central da súa actividade, reforzando a idea de que a colaboración, a innovación aberta e a sustentabilidade son piares fundamentais para o desenvolvemento tecnolóxico e social.
Esta iniciativa contou co cofinanciamento do Concello de Vigo, no marco da convocatoria de subvencións para o fomento do emprego mediante proxectos relacionados coa investigación, a innovación e o emprego 2025.