En consonancia cos obxectivos fundamentais da Asociación Tecnolóxica A Industriosa —impulsar proxectos innovadores con forte compoñente tecnolóxica, favorecer unha comunidade activa e diversa, apoiar o desenvolvemento de iniciativas relacionadas coa tecnoloxía e crear espazos onde compartir, aprender e medrar xuntos— abrimos a 4ª Convocatoria de Proxectos de A Industriosa.

Con esta nova edición buscamos, ademais de promover a investigación, a creatividade e o traballo colaborativo entre persoas interesadas nas novas tecnoloxías e na creación de proxectos por puro afán de aprendizaxe, impulsar e financiar ideas que xurdan do interese da nosa Comunidade.

Para tal fin, a Asociación destina unha partida económica de 3.000 €, destinados á adquisición de materiais, dispositivos ou recursos necesarios para o desenvolvemento dos proxectos seleccionados.

Os proxectos deberán ser de índole tecnolóxica e han de ser Open Source e Open Hardware.

Os equipos deberán estar formados por un mínimo de 3 persoas, onde pode haber 1 non socio ou 2 non socios se son menores de idade.

Un mesmo socio pode presentar varios proxectos e/ou ser parte de todos os equipos que desexe.

A contía económica máxima que A Industriosa aportará a cada equipo será de 500 €, pero o proxecto pode ter un orzamento superior se conta cun plan realista para acadar o resto do montante necesario para a súa execución (patrocinador, aportación individual, etc.)

O prazo de presentación de proxectos finalizará o 12 de decembro de 2025, no enderezo info@aindustriosa.org.

O proceso de selección comezará mediante a celebración no local da Asociación dun acto de presentación dos proxectos participantes no que cada un dos interesados disporá de 10 minutos para expoñer e defender a súa idea. Para facilitar a comprensión do proxecto, os equipos deberán axudarse de diapositivas, imaxes, vídeos, ou calquera elemento que consideren.

A data para a celebración do acto de presentación será o día 13 de decembro de 2025.

A partir da celebración do acto de presentación, abrirase un período de votación online de 2 semanas que rematará o 31 de decembro de 2025, no que poderá participar as socias e socios que así o desexen.

A partida orzamentaria repartirase entre os proxectos seleccionados por orde decrecente da puntuación acada na votación, e tendo en conta o orzamento adxunto a cada proxecto ata esgotar o total da contía.

Os equipos serán os encargados de facilitar á directiva o listado dos materiais, coas características, requisitos, empresa distribuidora ou aquilo que facilite a identificación correcta do que se precisa, para que esta faga a adquisición en nome da Asociación.

Descarga as Bases da 4ª Convocatoria de Proxectos A Industriosa

Descarga a Folla de Solicitude